Este é o blog de todos os rapaces e rapazas de 5º e 6º. Con el pretendemos achegarvos ás nosas clases e á vez facilitar actividades, recursos...

martes, 17 de marzo de 2020

LINGUA GALEGA- 17/03/20


Bos días, alumnos e alumnas de 6º!

Lembrade que hai que adicar 20 minutos a ler Os gritos das Illas lobeiras ou Os horizontes de Adar.

Hoxe imos traballar o diálogo. Empezamos!

- Mais que son os paíños?- insistiu Bela.
- Son pais pequenos. E as femias, as paíñas, son pas pequenas- bromeou Louro.
Despois das amigábeis protestas dos máis por estas trapalladas do Louro, a torreira explicoulles o que sabía sobre as referidas aves:
- Os paíños son as aves mariñas máis pequenas que existen. Son do tamaño das andoriñas. Crían nas illas escarpadas, mais pasan a maior parte da súa vida en alta mar voando a rentes da auga, aguilloados polos temporais e as grandes vagas. Voan moi preto da auga, con tanta mestría que nin se deixan mollar.
- Ah, son eses! Eu xa os vin unha vez!- exclamou Louro-. Un día que fun pescar co meu pai; agora non me lembraba do nome, mais eran así mesmo. Voaban pegados á auga, facendo os mesmos rizos que a auga facía, mais sen tocala.
- Son unhas aves fantásticas- engadiu Margarida.
- Mais as que acabamos de ver pasar non poden ser paíños- afirmou Lino.

          Antón Cortizas: Os gritos das Illas Lobeiras, Editorial Xerais.


1. Fixádevos nas palabras destacadas; cando facemos un diálogo (ou un texto en xeral) temos que intentar usar un vocabulario variado.

2. Tendo en conta isto, ides redactar un breve relato no que haxa:
  • un narrador/a
  • un diálogo entre dous personaxes imaxinarios (adiante coa vosa fantasía!)
  • un vocabulario variado, especialmente no que se refire aos verbos que poden ir despois das intervencións nun diálogo (non é necesario poñer un verbo sempre)

⇒ Podedes facer esta actividade na libreta de lingua ou en soporte dixital; neste último caso, lembrade gardar o voso relato nun pendrive para despois poder compartir a vosa creación na clase. Ademais, quen poida e queira pode mandar o seu relato ao correo profesfleming@gmail.com indicando a que profe vai dirixido.



No hay comentarios:

Publicar un comentario